Gallegos de Ultramar – Maria Xose Porteiro Garcia

ATA SEMPRE, RIO DA PRATA. Chegoume o momento de marchar da Galicia Austral, das terras do río da Prata, Arxentina e Uruguai, para retornar a Galicia Europea. Transcribo, deseguido, o comentario que publiquei na memoria do primeiro ano de funcionamento da Delegación da Xunta en Buenos Aires a xeito de despedida: (Primera Delegada de la Xunta de Galicia en el Cono Sur – Argentina y Uruguay) 

(Ata sempre, Río da Prata – Blog Cruz del Sur – 28/04/2009)

Cando o Presidente, Emilio Pérez Touriño, marcou o obxectivo de abrir a primeira Delegación Oficial da Xunta no exterior, na cidade de Buenos Aires, cun ámbito de actuación que comprendía a Arxentina e Uruguai, estábase escribindo o primeiro capítulo dunha nova etapa na dimensión e no papel de Galicia no mundo. Durante máis de dous séculos, as mulleres e os homes que emigraron ou tiveron que tomar o camiño do exilio, formaron un exército de paz que foi levando forza de traballo, talento, creatividade, cultura… a todos os países que nos acolleron e nos que sementamos unha colleita de afecto e de novos fillos e netos que hoxe volven, como nunca, a súa mirada para a terra nai.

Pasou moito tempo e agora as galegas e os galegos que se moven polo mundo teñen outras razóns para facelo, teñen máis facilidades para manter o contacto coas súas familias e os seus lugares queridos, e, sobre todo, teñen moito máis fácil o retorno. Por iso era tan importante recompoñer a Historia de tantas familias crebadas, de tantos amores que a distancia impediu, de tantas bágoas derramadas… porque a emigración e o exilio están tinguidos de aflición e son unha páxina dorosa na memoria individual e colectiva do noso pobo. Pero tamén porque tanto sufrimento non foi en van. O paso do tempo demostrounos que o sacrificio dos que se foron – e de quen choraron cando os viron partir – xerou unha importante inxección de axuda material para o sostemento dunha Galicia empobrecida ata case o último cuarto do Século XX. Pero supuxo ademais o nacemento dunha forma diferente de ser e sentir a cidadanía e a identidade dos galegos desde e no exterior.

Nunca tan clara se viu a realidade e a personalidade do noso pobo como na distancia que confirmaba a coincidencia de múltiples visións fragmentadas. Todas partían dunha orixe local e confluíron nunha imaxe, nunha idea, que reunía todas as condicións definitorias do país global, da Galicia plena, da patria que non se difuminou coa distancia, senón que se perfilou e se transmitiu aos seus e a quen a coñeceron a partir de aqueles. A Galicia exterior é tan grande como nunca puidemos imaxinar. Alá onde chegou un dos seus fillos, plantouse unha semente que hoxe nos fai cidadáns doutros países, sen deixar de ser galegos. A Arxentina e Uruguai son dous exemplos paradigmáticos desta verdade histórica de gran interese humano e social. Nestas latitudes do Hemisferio Sur, a colectividade galega deixou unha gran impronta e á súa vez deixou un afecto especial por estas terras e polas súas xentes no sentimento da Galicia europea. Non hai familia galega que non teña algún parente ou amigo por aquí e iso fai moi presente á Arxentina e a Uruguai, como tamén sen dúbida a Brasil, a Cuba, a Venezuela ou a México, no imaxinario do noso pobo.

Pero xa é un camiño de ida e volta. Cada vez máis fácil de percorrer porque a comunicación é máis accesible, tanto para o contacto telefónico ou por Internet, como porque as distancias físicas se reduciron cunha maior accesibilidade dos medios de transporte, e agora é normal que uns e outros viaxen, se reencontren, se recuperen. Que os nosos anciáns poidan facer realidade o sono de décadas de volver a ver a súa terra natal, que os seus fillos e netos coñezan por si mesmos a herdanza que lles foi dada polos seus devanceiros e que poidan ir ás súas orixes para honrar a memoria dos seus e manter vivo o legado para os seus descendentes. É a liña da vida que se reconstrúe e se rexera nesta época onde o contacto é máis posible que nunca.

Por iso, e porque os galegos e as galegas que residen fóra de Galicia, teñen recoñecidos os seus dereitos e son, á súa vez, suxeitos de deberes, a Xunta quere darlles os instrumentos para que exerzan a súa cidadanía nas mellores condicións posibles. Esa é a razón da existencia desta Delegación en Arxentina e da que se vén de crear en Uruguai: ser unha Administración á que se dirixan os cidadáns sen tutelas, barreiras ou intermediarios. Sen máis interese que o bó e lexítimo de dar as mesmas oportunidades a todos, vivan onde vivan.

Achegando a atención aos administrados e facendo un exercicio de fe democrática que nos confirma que as galegas e os galegos pasamos a fronteira do século XXI con plenitude de proxectos e de expectativas para construír unha sociedade cada vez máis xusta, máis digna, máis orgullosa de si mesma, máis solidaria e con máis peso e influencia no mundo. Pero para que isto sexa posible, necesitaremos da intervención e a participación dos galegos de aquí e de alá e da complicidade e colaboración dos seus concidadáns, institucións e representacións, de ambos lados do Atlántico.

Esta forma de ser galego e arxentino, galego e uruguaio, significa que no noso corazón hai lugar e amor suficientes para compartir unha dobre cidadanía. Para sabernos donos dunha identidade que se amplía. Para estender os límites territoriais e facer verdade a utopía dun territorio con fronteiras flexibles: unha Galicia que limita ao Norte coas Illas Británicas (mar por medio) e ao Sur co Estreito de Magallanes…Por iso ollamos ao ceo e vemos en Galicia o punto de encontro entre as dúas constelacións que marcan o Norte e o Sur, aquí/alí, onde a Estrela Polar confúndese coa Cruz del Sur. E a seguir, poñemos o pé na terra e dedicámonos a construír – con todos os aportes, con todas as mans, con todos os acentos- unha Galicia na que caibamos todos.

O 6 de outubro cumpriuse un ano desde a apertura desta Delegación. Non fixemos máis que empezar e o camiño que resta é inmenso, tanto como o futuro do noso pobo que tamén medra, xeneroso, nesta beira do mundo. Xa que logo, é o momento de dar as grazas a todas as traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia que botaron a andar este proxecto. Grazas, aos responsables políticos que deron a súa confianza e os medios necesarios para facelo posible. E grazas, moi especialmente, á colectividade galega que nos abriu as súas portas e nos deu a man para chegar ata aquí.

LinK. CRUZ DEL SUR – BLOG MARIA XOSE PORTEIRO:  http://cruzdelsur.nireblog.com/

Anuncios